Vexo Vigo, vexo Cangas...

Vila de Cangas

Vila de Cangas

Cangas, capital do municipio de mesmo nome, é unha vila mariñeira, que medrou ao carón do mar. Está situada fronte á cidade de Vigo, na ría do mesmo nome, pero o seu litoral, ateigado de praias está bañado tamén polas augas da Ría de Aldán. Cangas é un pobo con moita actividade, tanto económica como social e cultural, quizais pola súa proximidade a cidades galegas importantes e grazas ás boas comunicacións. Os seus veciños son sociables, amables e hospitalarios, aos que lles gusta desfrutar nas terrazas dos abundantes cafés, taperías e restaurantes e do temperado clima do que goza esta vila durante todo o ano.

LUGARES DE INTERESE

De Cangas destaca o paseo marítimo, dende o centro da vila ata o final da praia de Rodeira, e o casco antigo, que conforma un dos conxuntos monumentais máis salientables da costa galega. Cangas ten un rico patrimonio artístico, que principalmente se concentra na súa zona vella, actualmente en proceso de rehabilitación. Paseando polas súas rúas pódense apreciar interesantes exemplos da arquitectura popular mariñeira. Ademáis no centro histórico atopamos tamén fermosas mostras de arquitectura relixiosa como a ExColelexiata de Santiago, cunha portada renacentista que se conta entre as máis fermosas e armoniosas de toda Galicia. En pleno centro, moi preto do casco antigo, atópase o porto deportivo e a terminal marítima.

Vila de Cangas

PRAIAS

Sen dúbida un dos maiores atractivos de Cangas é a súa praia urbana: Rodeira. Esta praia ten case un quilómetro de lonxitude e ao seu carón esténdese un paseo de madeira con espléndidas vistas panorámicas da veciña cidade de Vigo. É unha praia ademáis de grande moi cómoda pola súa proximidade ao centro.

A pesar dos atractivos da praia de Rodeira, quen visite o litoral cangués sen dúbida non pode deixar de coñecer e gozar outras moitas praias situadas no rural: son un total de 38 arenais cos que conta o municipio, moitas deles recoñecidos coa Bandeira Azul. Ademais, estando en Cangas é obrigado visitar a que foi valorada por The Guardian como mellor praia do mundo: a Praia de Rodas, nas veciñas Illas Cíes.

Praia de Rodeira, Cangas do Morrazo

COMUNICACIÓNS

Cangas, e todo o seu municipio, están moi ben comunicados coas principais cidades galegas, o que contribúe ao seu crecemento constante e o que facilita a recepción do turismo. Por terra a vía rápida CG4.1 empalma a comarca coa autoestrada A9 (Vigo / Pontevedra / Santiago / A Coruña), permitindo chegar en menos de media hora a Vigo (30kms), ao aeroporto de Peinador (33kms) ou a Pontevedra (38kms). O barco tamén é unha boa alternativa para a comunicación con Vigo pola breve duración da viaxe (20 minutos) e pola frecuencia do servizo. O barco tamén é o medio adecuado para viaxar ás Illas Cíes (con saída dende o porto de Cangas) ou á Illa de Ons (con saídas dende os portos de Aldán ou Bueu).

Vila de Cangas

Mercado de Cangas do Morrazo
Xardíns do Señal - Alameda nova de Cangas
 

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!